Web do Concello de Poio - Municipio de Interese Turístico.
O tempo en Poio
datos facilitados por MeteoGalicia
servizo non dispoñible

Que visitar

Combarro, conXunto histórico, artístico e pintoresco

Combarro

 

Aproximadamente a uns seis quilómetros da cidade de Pontevedra, en dirección a O Grove, aparece a vila de Combarro, un dos enclaves máis pintorescos e orixinais de toda a rexión das Rías Baixas. Todos aqueles que oíron falar deste lugar relaciónano inmediatamente cunha das construcións máis tradicionais de Galicia: o hórreo. Con todo, como veremos enseguida, Combarro é moito máis ca un conxunto de hórreos.

CombarroConstruído directamente sobre o granito e á beira do mar, o seu conxunto histórico representa todo un achado para o visitante que busque a esencia da arquitectura popular galega. Atópase escondido ao bordo da Ría de Pontevedra, e é precisamente esa situación privilexiada a que permitiu que chegue ata o século XXI mantendo intactos unha estrutura urbanística e un estilo arquitectónico máis propios do século XVIII ou XIX.

Orixe

O primeiro que sorprende de Combarro é, precisamente, o seu nome. A este topónimo atopáronselle varias explicacións, pero quizá a máis comunmente aceptada sexa a que o relaciona coa raíz -comb, que significaría curvatura ou inflexión da costa, o cal se corresponde á perfección coa súa situación xeográfica.

... desde a época medieval a historia de Combarro vai inevitablemente ligada ao Mosteiro de Poio.

Hai quen di que a orixe desta vila podería residir nun castro costeiro, aínda que os restos arqueolóxicos son escasos. En calquera caso, desde a época medieval a historia de Combarro vai inevitablemente ligada ao Mosteiro de Poio. De feito, existen documentos que testemuñan que no século XII tanto a vila de Combarro coma a Illa de Tambo, que se atopa nas proximidades, foron doados pola raíña Doña Urraca ao citado Mosteiro, do cal pasaron a depender ata o século XIX. As que hoxe son parroquias de San Xoán de Poio e San Roque de Combarro, constituían entón o Couto de Poio e o Porto de Combarro. Os principais aspectos da vida social e económica do mesmo, como o uso dos pastos, as augas de rega, a comercialización do viño, a explotación dos montes veciñais, o coidado dos camiños, etc, eran regulados por ordenanzas autorizadas polo abade do Mosteiro.

No ano 1836 o novo Estado liberal español creou a división municipal que agora coñecemos, polo que o antigo Couto medieval se converteu no Concello Constitucional de Poio e Combarro, que desde mediados do século XIX empezou a denominarse só de Poio. Actualmente, Combarro é unha das cinco parroquias que compoñen o municipio de Poio.

Arquitectura e urbanismo

O viaxeiro que chega a Combarro empezará a súa visita percorrendo o paseo marítimo ata a praza de Chousa, que era antigamente unha praia. Durante este paseo á beira do mar gozará dunhas fermosas vistas da costa do municipio de Poio e da misteriosa Illa de Tambo, á que polo momento non se pode acceder sen o correspondente permiso. Desde a praza de Chousa accederá por fin á zona antiga de Combarro, e a medida que se penetre nela pareceralle que vai retrocedendo no tempo.

casco histórico de Combarro

O conxunto arquitectónico de Combarro caracterízase por tres elementos fundamentais: os cruceiros, as casas mariñeiras, e para rematar, os hórreos, que se converteron prácticamente no seu símbolo. Tamén se caracteriza por estar construído directamente sobre un bloque granítico, que os antigos habitantes da vila utilizaron como material de construción, e que ata aproveitaron como cimentos para as casas (aínda hoxe se poden ver).

Penetrando no Combarro antigo, o viaxeiro atoparase na praza de San Roque, que, aínda que de pequenas dimensións, contén magníficos exemplos da arquitectura popular galega. Situándose no centro da praza, descobre dous dos sete cruceiros que dominan a parte antiga da vila.

Os cruceiros

los cruceirosO cruceiro é unha construción moi estendida na comunidade galega, aínda que tamén se poden atopar multitude de exemplos noutras rexións con orixes celtas, por exemplo na Bretaña francesa ou en Irlanda. No caso concreto de Galicia, os antropólogos fálannos dun culto precristiano aos deuses protectores de camiños e encrucilladas, o cal máis tarde se cristianiza, coma moitos deses cultos. A cultura popular, en cambio, dinos que protexían eses lugares porque eran considerados enclaves máxicos, cunha enerxía especial, e alí tiñan lugar reunións de meigas. A construción do cruceiro significaba facer desa encrucillada ou camiño un lugar seguro, un camiño libre e despexado.

Nos cruceiros pódense diferenciar varios elementos :

  • As gradas, en forma de chanzos, que varían en número dun cruceiro a outro.
  • A base, que se asenta no medio das gradas e adoita ser de forma cúbica. Nesta parte é posible atopar inscricións relativas á construción do cruceiro.
  • O fuste. Trátase da columna que habitualmente ten forma octogonal ou cilíndrica, e na que se pode atopar, en moitos casos, unha figura adosada, que pode ser un santo ou un alto cargo eclesiástico, distinguíndose este último polo seu característico chapeu e polo báculo que adoita levar na man.
  • O capitel. Presenta variadas formas e serve de base á cruz. Pode ter elementos decorativos con formas vexetais ou figuracións simbólicas do ben e do mal.
  • A cruz. Trátase do elemento máis importante do conxunto. Adoita presentar figuras de Cristo ou dalgunha virxe.

No caso concreto de Combarro, os cruceiros contan cunha peculiaridade engadida, e é que a figura da virxe está sempre dirixida cara ao mar, mentres que o Cristo mira cara á terra.

los cruceiros

Dos dous cruceiros que se atopan na praza de San Roque, o primeiro que nos atopamos é de construción moi sinxela, xa que non conta con ningunha figura adosada á cruz. En cambio, o que preside o centro da praza preséntanos a Cristo (mirando cara á terra, polo suposto), e á Virxe do Socorro, figura recorrente na zona antiga de Combarro. Esta virxe caracterízase porque leva na súa man unha especie de garrote e porque ten aos seus pés ao demo. Trátase, sen dúbida dunha clara representación do ben sometendo ao mal.

biblioteca corredoiraOutro dato a ter en conta cando falamos dos cruceiros é que antigamente todos eles adoitaban ter un pequeno altar diante, aínda que hoxe en día tan só se conservan uns poucos exemplos. Comprobouse que estes altares se utilizaban para pousar os cadaleitos nas marchas fúnebres camiño da igrexa. Alí rezábanse unhas breves pregarias ata completar o percorrido. Na actualidade, a vila de Combarro dálles un uso moito máis festivo, xa que os utilizan para colocar ramos de flores ou imaxes de santos durante a festa de Corpus Christi, durante a cal as rúas da parte antiga se cobren con alegres alfombras florais.

Non podemos marchar desta praza de San Roque sen admirar o edificio que actualmente alberga a biblioteca. Trátase dunha das casas máis vistosas do vello Combarro, e data do século XVIII. Nela podemos observar un dos elementos arquitectónicos máis típicos da arquitectura galega: a solaina. Trátase dun balcón de pedra que termina en escaleiras, unha balaustrada de inspiración barroca que sería máis propia de pazos ou mosteiros.

A igrexa parroquial de San Roque

Se o visitante continúa o seu paseo pola rúa San Roque, en breve se atopará coa igrexa parroquial de San Roque, que data do século XVIII, e que, como case todo nesta vila, ten tamén unha historia que contar.

iglesia parroqual de San Roque

No lugar onde se atopa actualmente a igrexa, había en principio un oratorio, é dicir, un recinto onde se reunían os veciños para rezar, xa que as misas se realizaban na illa de Tambo, á que se podía acceder a pé cando a marea o permitía. Inicialmente rezaban a San Sebastián, pero tras sufrir unha terrible peste en toda a rexión decidiuse cambiar de patrón, e optouse por San Roque, que naquela época estaba “de moda” en Galicia, e era considerado o gran protector contra males e enfermidades.

Á beira da igrexa atopámos un terceiro cruceiro, este de fuste cilíndrico, no que se pode distinguir a imaxe de San Roque acompañado do seu inseparable can, “San Roquiño”. Hai que sinalar que este cruceiro foi inmortalizado polo xenial Castelao na súa obra As cruces de pedra na Galiza.

As casas mariñeiras

a rúa

Seguindo coa visita, penetramos na rúa principal do conxunto histórico, que se chama precisamente “A Rúa”. Nela atoparemos o segundo dos elementos principais do estilo arquitectónico propio de Combarro: as casas mariñeiras. Trátase do tipo de vivenda máis característica da vila: casas pegadas, a planta baixa dedicada a almacén de apeiros de pesca e agrícolas, existindo na maioría dos casos un lagar para a elaboración do viño para o consumo da familia, un costume que chega ata os nosos días.

Na planta alta situábase a cociña ao fondo e unha sala ou sobrado na parte dianteira. Os dormitorios eran de dimensións mínimas, contando tan só cunha cama e quizá un baúl.

a rúa

Na fachada destaca o balcón. Cando era de pedra, como no caso do edificio que alberga a biblioteca, era un signo indicativo de que a familia propietaria gozaba dunha boa situación económica. Os mariñeiros, por regra xeral, tiñan que conformarse coa madeira ou o ferro forxado, e adoitaban pintalos de cores moi vivas, xa que aproveitaban a pintura que lles sobraba das súas barcas. O balcón apoiado sobre columnas dá lugar aos típicos soportais, que en Combarro, a diferenza doutras vilas, non permite unha circulación fluída das persoas, senón que xorden como simple elemento de sustentación. Non podemos deixar de sinalar que todos os balcóns da parte antiga de Combarro están orientados cara ao mar, e que cando se construíron todos eles tiñan unhas vistas privilexiadas de Ría de Pontevedra, que era, á fin e ao cabo, o lugar de traballo da maioría dos veciños.

a rúa

En ambos extremos de “A Rúa” atopamos un cruceiro. No primeiro volvemos atoparnos coa Virxe do Socorro dirixida cara ao mar, mentres que o último reproduce unha Piedade, é dicir, unha virxe cun Cristo nos brazos. Este último é un dos máis curiosos do conxunto, e tamén dos máis antigos, aínda que se atopa en moi bo estado de conservación. Data de 1721, e nun principio estaba situado no centro da actual “Praza da Fonte”, aínda que posteriormente foi desprazado a un lateral para deixar sitio á fonte que acabaría dando nome á praza. Este cruceiro caracterízase, entre outras cousas, porque na base da súa columna mostra en relevo os símbolos da Paixón e Descendemento de Cristo (escaleira, cravos, tenaces, martelo e coroa de espiñas). Antigamente estaba policromado, aínda que hoxe en día xa non se aprecian restos da pintura orixinal.

Chegados ao final de “A Rúa”, penetramos na que é quizá a parte máis descoñecida do conxunto histórico-artístico de Combarro: “A Rúa Cega”. Chámase desta forma debido a que é a única zona do vello Combarro en que as casas non están orientadas cara á costa, isto é, as únicas que non ven o mar. Crese que nesta parte da vila os veciños dedicábanse máis a labores agrícolas, por iso é polo que as portas das casas son moito máis amplas, para que un carro ou o gando puidesen entrar facilmente.

Ao final desta rúa aparece outro cruceiro (o sexto xa) no que nos reencontramos coa Virxe do Socorro, que vixía a costa co seu garrote na man. Neste caso, observamos no fuste unha figura que representa a un alto cargo eclesiástico, e na base da columna reaparecen os símbolos do Descendemento, recorrentes neste tipo de construcións. As figuras da cruz son as máis logradas de todos os cruceiros de Combarro, e tamén se caracteriza porque o fuste ou columna representa o tronco dunha árbore.

Os hórreos

a rúa

Continuando co paseo, chegamos á praia de Padrón, desde onde podemos gozar dunha magnífica panorámica da costa de Poio, de Marín, e sobre todo da de Combarro, única no mundo grazas á trintena de hórreos que a delimitan.

a rúa

Chegamos así ao terceiro e último elemento fundamental do estilo urbanístico de Combarro: o hórreo, convertido xa en símbolo e atractivo primordial desta vila para o turista convencional. Os hórreos son unha especie de almacén ou despensa onde antigamente se gardaban os alimentos da casa familiar, sobre todo millo e patacas, pero tamén xamón ou ata peixe. Orixinariamente, nesta rexión as paredes eran de canas trenzadas, e o tellado era de palla, por iso é polo que nesta zona se lles chama “palleiras”. En épocas posteriores optouse para a súa construción por materiais máis resistentes, como a madeira ou a pedra, e aproximadamente desa época (séculos XVIII e XIX) son os exemplos que se conservan na beira do mar.

a rúa

Colócanse sobre columnas para evitar que a humidade do chan ou os ratos estraguen a colleita. De feito, as pedras circulares que hai sobre as columnas chámanse “tornarratos”, xa que a súa utilidade principal era impedir que os roedores chegasen ao interior do hórreo.

En realidade, o que fai dos hórreos de Combarro un elemento orixinal e único no mundo é, por unha banda, a enorme cantidade destas construcións que se conserva (preto de 60 en todo a vila), e a situación de 30 deles aliñados ao longo da costa. A pregunta que se fai o viaxeiro sorprendido é: por que colocar un hórreo á beira do mar? A resposta é moi sinxela, e reflicte o espírito práctico e funcional dos antigos combarreses. Moitos dos veciños de Combarro posuían terras alén de Ría, por exemplo en Campelo ou Lourido, polo que decidiron que o mellor medio para transportar as colleitas sería por mar, e para iso, nada mellor que colocar as despensas xusto na costa, para descargar directamente as barcas sen necesidade de transportalas polos complicados camiños que entón existían.

a rúa

No entanto, este sistema tamén deu quebradeiros de cabeza aos campesiños combarreses, xa que houbo ata piratas que durante a marea alta arribaban á costa para saquear os hórreos dos veciños.

Finalizando a visita

Non podemos irnos da praia de Padrón sen botar unha ollada ao sétimo e último cruceiro da parte antiga. Trátase dunha construción moderna, data de 1997, e foi doado por unha familia particular. Un visitante atento darase conta de que é o único no que o Cristo mira cara ao mar e a virxe cara á terra. Isto débese a que no fuste se atopa unha representación da Virxe do Carme, que por ser a patroa dos mariñeiros ofrece maior protección aos traballadores do mar.

Se a marea está baixa, podemos cruzar a praia ata chegar ao Peirao ou antigo porto de pescadores. No caso de que haxa pleamar, teremos que volver sobre os nosos pasos pola Rúa e logo desviarnos á esquerda.

a rúa

O Peirao era o punto neurálxico da vila de Combarro. Aquí realizábanse as tarefas de descarga do peixe, principalmente sardiña, que era o máis abundante. Neste mesmo porto tiña lugar a venda do peixe ou o seu intercambio por produtos agrícolas. Este traballo tamén era realizado polas mulleres, xa que eran elas as administradoras da economía familiar. Aquí tamén se celebraban as festas populares.

Desde este punto, só nos queda seguir á esquerda pola “Rúa do Mar”, a rúa máis comercial hoxe en día. A medida que a cruzamos seguiremos vendo os últimos hórreos aliñados sobre o muro costeiro, algúns de belísima factura, e chegaremos ao lugar coñecido popularmente como “A Gurita”. Trátase dunha gran rocha granítica á que se lle deu no seu momento a forma dunha escaleira. Por ela poderemos acceder novamente á praza de Chousa, lugar onde empezamos a visita. Na actualidade é o punto de encontro dos veciños de Combarro, onde se celebran verbenas e actividades de todo tipo.

Chegado a este punto, ao viaxeiro só lle queda gozar da ampla oferta gastronómica, marabillarse co que viu e empezar a planificar a súa próxima visita a Combarro, a vila onde, en palabras do grande Otero Pedrayo, “o carro de labranza descansa á beira da barca mariñeira”.

 

© Concello de Poio. 2008

Este sitio web está desenvolvido dentro do Plan de Cidades Dixitais 2007⁄2008